Saturday 04 de May de 2024

O Concello de Oroso reduce a menos de 18 días o período medio de pago a provedores


Abonou facturas por un importe de 485.797 euros durante o terceiro trimestre de 2014

O Concello de Oroso reduce a menos de 18 días o período medio de pago a provedores no terceiro trimestre de 2014, segundo consta no Informe realizado pola Intervención Municipal en cumprimento do Real Decreto 365/2014, de 25 de xullo, polo que se desenvolve a metodoloxía de cálculo do período medio de pago a provedores das Administracións Públicas. Uns datos que xa foron enviados ao Ministerio de Facenda.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, amosa a súa satisfacción por uns datos que “demostran que estamos facendo as cousas ben e que estamos reducindo cada vez máis o período medio de pago dos nosos provedores, o que amosa a boa saúde económica deste Concello”. Durante o terceiro trimestre do 2014 o Concello de Oroso abonou un total de 485.797 euros a provedores.

Este informe é o primeiro que ten que presentar o Concello de Oroso de acordo ao mencionado Real Decreto 365/2014, que obriga á elaboración deste tipo de informes de xeito trimestral a municipios do tamaño de Oroso. Aqueles municipios que non cumpran cos obxectivos marcados neste Real Decreto enfróntanse á posibilidade de que o Ministerio de Facenda asuma o pago desas facturas con cargo ás achegas da Administración Central ao Concello, que se verían reducidas case de xeito automático.